Rutas de Artesanía

 

O saber facer dos nosos devanceiros vese reflexado nos oficios tradicionais que seguen vivos no noso territorio hoxe en día. Este prezado patrimonio cultural, xunto ó valor dos produtos únicos, feitos e decorados a man, converten a artesanía nunha magnífica forma de enchouparse da cultura local e levar un anaco desta para a casa.

A artesanía, estreitamente ligada á historia e natureza da Mariña Lucense, conforman no seu conxunto unha oferta única que fai deste destino, con preto de 40 artesáns de diversas disciplinas, un lugar excepcional para o visitante que desexe viaxar a través dos oficios artesanais. Valores tan actuais como a reciclaxe, a reutilización de materiais ou a importancia de consumir produtos de proximidade chegaron a nós da man de oficios tradicionais como a cerámica, a carpintería, a cantería, a elaboración de redes, a xoiería, a serigrafía, a moda ou a restauración, entre outros.

QUE SON AS RUTAS DE ARTESANÍA?

Trátase dunha serie de itinerarios turísticos nos que os principais protagonistas son os artesáns da Mariña Lucense, nos que o visitante coñecerá de preto os oficios, os obradoiros e o traballo diario: desde o deseño, as materias primas, a produción ou a comercialización. Xunto a iso, propoñémosche desfrutar doutros recursos culturais e naturais do entorno próximo ó obradoiro de artesanía, ademais da gastronomía, que complementan a visita á perfección, deixando en mans do visitante a adecuación das rutas ós seus horarios e preferencias.

Esta proposta no seu conxunto apóiase nunha experiencia de turismo slow, unha filosofía que fuxe das présas e reivindica a calma á hora de viaxar e, sobre todo, imbuírse na cultura local.

A Mariña Lucense conta con múltiples e singulares recursos turísticos. Con estas rutas realízanse recomendacións sobre algúns dos lugares de principal interese informando sobre o tempo aproximado que requiren as visitas. As posibilidades son infinitas. Nesta mesma páxina, poderás visualizar ou descargar a Guía 2021 das Rutas de Artesanía con toda a información e a través dos distintos enlaces continuar navegando para completar a túa viaxe pola Mariña Lucense.

Para tomar nota...durante as fins de semana do outono organízase un Programa de visitas e rutas guiadas, A Mariña en Ruta, unha oportunidade de coñecer o territorio a través dun programa de rutas guiadas a pé, visitas guiadas e visitas a obradoiros de artesanía local no que o entorno natural, a historia, a etnografía e a arqueoloxía dos diferentes concellos da Mariña Lucense son os protagonistas.

Descarga aquí a Guía 2022 das Rutas de Artesanía da Mariña Lucense.