Rutas de Artesanía
O saber facer dos nosos devanceiros vese reflexado nos oficios tradicionais que seguen vivos no noso territorio hoxe en día. Este prezado patrimonio cultural, xunto ó valor dos produtos únicos, feitos e decorados a man, converten a artesanía nunha magnífica forma de enchouparse da cultura local e levar un anaco desta para a casa.
As Rutas de Artesanía da Mariña Lucense son unha serie de itinerarios turísticos cuxos principais protagonistas son os artesáns e artesás do teritorio e dos que o visitante coñecerá os oficios, os obradoiros e o traballo diario: dende as materias primas, o deseño, a produción ata a comercialización. Xunto a isto, propoñémosche gozar doutros recursos culturais, gastronómicos e naturais da contorna próxima ao obradoiro de artesanía para que poidas complementar a túa visita e descubrir os atractivos da zona.
Esta proposta, no seu conxunto, baséase nunha experiencia de turismo slow, unha filosofía que evita as présas e avoga pola calma á hora de viaxar suxerindo, sobre todo, impregnarse da cultura e a historia local.
A Mariña Lucense conta con múltiples e singulares recursos turísticos. Nestas rutas fanse recomendacións sobre algúns dos lugares de maior interese, informando sobre o tempo aproximado necesario para visitalos para poder organizar correctamente o percorrido escollido. As posibilidades son infinitas.
Para tomar nota...durante as fins de semana do outono organízase un Programa de visitas e rutas guiadas, A Mariña en Ruta, unha oportunidade de coñecer o territorio a través dun programa de rutas guiadas a pé, visitas guiadas e visitas a obradoiros de artesanía local no que o entorno natural, a historia, a etnografía e a arqueoloxía dos diferentes concellos da Mariña Lucense son os protagonistas.
Descarga aquí a Guía 2022 das Rutas de Artesanía da Mariña Lucense.