Ruta de Raíces Nómadas
Partindo do Atelier Raíces Nómades propoñémosche un percorrido por algúns dos recursos turísticos máis relevantes na contorna máis próxima dos municipios de Ribadeo e Barreiros.
En Ribadeo, na Estación de FEVE, atopamos o Atelier Raíces Nómadas, onde Ezequiel Franchi elabora artesanalmente produtos de marroquinería fina. Alí crea as súas pezas 100% a man, elixindo os mellores materiais. Tamén fusiona técnicas como o macramé e a soguería crioulla, herdada da cultura arxentina da que procede.
No interior do taller poden observarse as ferramentas, as materias primas e as técnicas do oficio, encargar pezas personalizadas ou adquirir algún artigo.
Podes coñecer Ribadeo e o seu centro histórico salpicado das peculiares casas de indianos coa audioguía ficcionada "Ribadeo máis aló do tempo". Desde a vila, podes acceder a unha estrada que percorre a costa e que che levará por lugares tan emblemáticos como O Cargadoiro, o Forte de San Damián ou o Faro da Illa Pancha e até o Porto de Rinlo.
A 6 quilómetros de Rinlo -ou a 10 quilómetros do centro de Ribadeo si prefires ir directo por autovía- sitúase un dos principais atractivos da Mariña Lucense, o Monumento Natural da Praia das Catedrais, (en tempada alta é necesario reservar cita, con visita guiada ou libre, ambas as gratuítas, na web ascatedrais.xunta.gal).
Tamén che recomendamos: Achegándote ao municipio veciño de Barreiros (a 19 quilómetros de Ribadeo) podes adentrarte nun pequeno bosque atlántico e percorrer o espazo natural de Santo Estevo do Ermo, que discorre xunto ao regato de Santo Estevo entre un bosque de castiñeiros, carballos e bidueiros, pasando pola fermosa fervenza que lle dá nome ao lugar.
Outro interesante recurso, e nada masificado, é a Ruta da Lagoa de Pallares, un percorrido circular de 5,5 quilómetros e dificultade baixa.
*Imaxe cedida por: Fundación Artesanía de Galicia. Autor: Peter Schneider.