Fuciño do Porco

 
Miradoiro

Sendeiro espectacular pola costa do Vicedo que alterna pequenas praias coa costa rochosa de cantís e furnas. A través de pasarelas de madeira e camiños, asómanos ao Mar Cantábrico desde miradoiros naturais con marabillosas vistas sobre a Ría de Viveiro.

Desde esta atalaia poderemos contemplar as illas Gabeira, a Insua, Coelleira, as puntas do Faro Roncadoiro e Estaca de Bares e divisar ao fondo da ría, Covas, Viveiro e o porto de Celeiro.

IMPORTANTE

Debido aos danos xerados polos últimos temporais, O Fuciño do Porco permanece cerrado de forma indefinida ata a reparación dos danos ocasionados nas primeiras escaleiras de acceso. 

A Punta Socastro é coñecida popularmente como o Fuciño do Porco, polo parecido que desde o mar ten co fociño dun porco.

O sendeiro parte da praia de Abrela, e tras pasar pola pequena praia de Porto de Val e a praia de Alegrín, e a antiga cetaria de Medas do Castro, construída nesta contorna rochosa para a cría de marisco, chegamos finalmente, á Punta Socastro, que é un miradoiro natural sobre a praia de Pereira e Area Grande e a Ría de Viveiro.

O tramo final discorre serpenteante, practicamente colgado sobre o mar, sobre pasarelas de madeira e estreitas escaleiras, azoutadas con frecuencia polo vento

Destaca neste tramo final, unha veta ferruxinosa moi escura que foi explotada nunha antiga mina de ferro do século XVIII, chamada Testa de Ferro. O mineral acumulado ao pé do cantil abastecía ao primeiro alto forno de Sargadelos.

O sendeiro termina na baliza luminosa da punta.

Visítao tamén fóra do verán!

Nos meses de xullo e agosto, se desexas visitar Punta Socastro, popularmente coñecido como "Fuciño do Porco", co fin de mellorar a experiencia e o coidado da contorna deberás realizar previamente unha reserva de forma gratuita vía web en puntafucinodoporco.gal

Fóra deses meses e a partir de setembro o acceso a este accidente xeográfico é libre e non necesitarás dunha reserva previa.

IMPORTANTE

Debido aos danos xerados polos últimos temporais, O Fuciño do Porco permanece cerrado de forma indefinida ata a reparación dos danos ocasionados nas primeiras escaleiras de acceso.