Outono na Mariña 2024 - Plans e Obradoiros con corazón
A Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo, presentou dous novos programas turísticos para a tempada de outono: "Plans con Corazón" e "Obradoiros con Corazón". Estas iniciativas, deseñadas para ofrecer experiencias inmersivas e únicas, permiten aos visitantes descubrir a riqueza cultural, natural, gastronómica e artesanal do destino.
As temperaturas suaves e a tranquilidade característica do Outono, fan desta estación o momento ideal para conectar coa beleza natural e cultural da Mariña. Por iso, deseñamos actividades especiais que permitan aos visitantes gozar e experimentar en primeira persoa do noso patrimonio.
Entre o 31 de outubro e o 10 de novembro, o programa Obradoiros con Corazón ofrecerá unha serie de obradoiros gratuítos en seis espazos artesanais da Mariña. Os participantes poderán gozar de experiencias exclusivas en lugares como Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro, onde destacados artesáns amosarán o seu traballo en grupos reducidos, de entre 8 e 10 persoas, con inscrición previa. Este evento busca conectar aos visitantes directamente co mundo da artesanía local.
Ademais, ata o 10 de novembro, o programa Plans con Corazón ofrece 16 rutas e visitas guiadas polos 16 concellos que conforman a Mariña. Estas rutas abranguen temáticas diversas como a historia, a arqueoloxía, a gastronomía e a etnografía, proporcionando unha experiencia completa a quen desexe explorar a rexión da man dos seus anfitrións.
Para os que planifiquen a súa viaxe, A Mariña conta cunha rede de aloxamentos comprometidos coa sustentabilidade e a calidade, cuxo detalle está dispoñible na seguinte ligazón: https://amarinalucense.gal/gl/onde-durmir