Xornadas formativas en turismo ornitolóxico da Mariña Lucense

 

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense promove unha acción formativa gratuíta dirixida a axentes turísticos e profesionais da divulgación ambiental co obxectivo de impulsar o territorio como destino de turismo ornitolóxico. 

O encontro será presencial e terá lugar do 10 ao 12 de febreiro de 2025 no Salón de Actos do Centro Cívico de Xove. As prazas son limitadas polo que é precisa incripción previa.

O prazo de inscrición para asistir a estas Xornadas Formativas en Turismo Ornitolóxico da Mariña Lucense xa se atopa aberto. 

Esta formación está dirixida a empresarios e traballadores do sector turístico, aloxamentos, guías e empresas de turismo activo, divulgadores ambientais e técnicos de turismo preferentemente da Mariña pero tamén a asistentes do resto do territorio galego ou próximo que teñan interese en desenvolver o seu produto aquí, xa que A Mariña ofrece grandes posibilidades para as actividades de turismo ornitolóxico. Unha modalidade turística que contribúe á desestacionalización da demanda e á posta en valor dos recursos naturais en consonancia coa súa conservación.

No encontro participarán como relatores destacados ornitólogos, así como profesionais no desenvolvemento e promoción de produtos turísticos sostibles relacionados coa ornitoloxía.

O obxectivo deste encontro é dar a coñecer as devanditas potencialidades, á vez que se identifican os recursos ornitolóxicos, o perfil de turista e as demandas do sector. Precisamente, unha das necesidades deste tipo de turismo é contar con persoal formado, con capacidade para atender a demanda tanto do público xeral como do especializado, e desenvolver produtos turísticos atractivos.

As persoas participantes recibirán unha parte de formación teórica e outra práctica, que inclúe saídas para a observación de aves nos seus hábitats.

O prazo de inscrición está aberto ata o venres 31 de xaneiro inclusive e as prazas son limitadas.

Esta acción enmárcase no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024, cofinanciado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, dentro do cal se deseñou o Plan de Acción Operacional de Turismo Deportivo e de Natureza, que inclúe unha folla de ruta clara de accións vinculadas a estes nichos de mercado.

Consulta o programa formativo

Accede aquí ao formulario de inscrición