Experiencias de Turismo Slow. Primavera 2023

 

Do 11 de marzo ao 23 de abril podes reservar ata 8 experiencias de turismo slow diferentes para vivir dun modo especial o norte de Galicia. Propostas que buscan o equilibrio persoal, o contacto coa natureza, experiencias vinculadas á creación artesanal e a transformación de materias primas en deliciosos produtos, o goce dos recursos da contorna...

Trátase de actividades que nacen no contexto de "Turismo Slow Norte de Galicia", un proxecto colaborativo posto en marcha no 2015 polas mancomunidades de concellos da Mariña Lucense e Ferrolterra-Rías Altas para promover un turismo sostible e atractivo para aquelas persoas que viaxan buscando un contacto máis estreito coa natureza e a cultural local.

O programa, que terá lugar en fins de semana de marzo e abril, ofréceche gozar dun abanico ben variado de propostas!
 
 
11/marzo: "Coas mans na masa" (Viveiro). Para vivir a experiencia de facer pan de forma totalmente artesanal nun forno de leña do ano 1961 da tradicional Panadería Galdo, e levarte para a casa, un pan recén feito coas túas mans.  
 
11/marzo: "Ruta dos Fornos e Visita a mina Consuelo" (A Pontenova). Para coñecer o patrimonio industrial e cultural da Pontenova a través dun roteiro guiado no que se explicará a orixe da Pontenova, a función dos fornos, como se traballaba na mina e o que pasa no seu interior desde o seu abandono.
 
18/marzo: "Brunch degustación de marmeladas A Morena" (Cervo). Para saborear as marmeladas artesanais deste obradoiro, elaboradas con ingredientes ecolóxicos e de primeira calidade.
 
18 e19/marzo: "Equinoccio de primavera" (Foz). Estancia en Os Tres Teixos, para recibir e celebrar a primavera de forma consciente, realizando diversas actividades acompañadas durante a fin de semana. A proposta inclúe aloxamento e comidas segundo as túas preferencias.
 
25/marzo: "Madeira a man" (Ourol). Unha experiencia orixinal da man do carpinteiro Sebástien Léprevost para descubrir o mundo da madeira, o seu pasado e presente e o seu ciclo de vida, desde a identificación das diferentes madeiras visitando árbores da contorna, ata a explicación teórica do cortado e fabricación do moble. Inclúe a realización dunha pequena peza.
 
25/marzo: "Libera adrenalina en familia" (Viveiro). Para gozar dunha aventura ao aire libre en plena natureza coas actividades que propón Roqsport Avendura, como circuítos de altura entre árbores atravesando pontes, pasarelas, redes, tirolesas, etc... ou un percorrido de orientación.
 
15/abril: "Taller de coiro" (Ribadeo). Para aprender a facer o teu propio bolso de coiro da man de Raíces Nómadas Atelier. Achegaraste ás técnicas básicas da marroquinería fina; cosido a man, acabado de bordes e todo o preciso para facer unha peza propia e levala a casa rematada.
 
22-23/abril: "Cerámica na aldea" (Xove). Para cumprir o teu soño de crear pezas de cerámica propias, guiada por Iria Pigueiras e nunha contorna ideal. Ademais deste taller, a experiencia inclúe, no Lugar das Marías, unha merenda de benvida, cea, aloxamento e almorzo.
 
Podes acceder a toda a información detallada (prezos, horarios, actividades) facendo click aquí