Eclipse solar total do 12 de agosto de 2026 na Mariña

 

O vindeiro 12 de agosto poderemos observar un dos fenómenos astronómicos máis agardados: unha eclipse solar total, que se produce cando a Lúa se interpón entre a Terra e o Sol, proxectando a súa sombra sobre o noso planeta e bloqueando total ou parcialmente a luz da gran estrela. Isto ocorre cando os tres astros están aliñados, coa Lúa entre o Sol e a Terra e, para poder gozalo, temos que mirar ao ceo desde un lugar axeitado, xa que non é visible desde calquera punto do mundo.

Precisamente, Galicia —e, en especial, a provincia de Lugo e A Mariña— será un dos territorios máis recomendables para gozar deste fito astronómico.

Observación da eclipse desde A Mariña

A eclipse comezará ás 19:31 horas e o seu punto álxido espérase arredor das 20:28 e das 20:30 h. Se as nubes o permiten, poderá observarse a simple vista, tomando unha serie de precaucións e, en principio, non será necesario o uso de telescopio para vela. A Mariña Lucense é un dos lugares desde os que se poderá gozar durante máis tempo deste histórico acontecemento astronómico.

Máis abaixo nesta páxina poderás coñecer as diferentes localidades desde as que se poderá seguir a eclipse de sol na Mariña e a evolución desta.

Como inflúe o relevo na observación

O visualizador do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, incorpora unha capa de visibilidade que permite comprobar como pode afectar o relevo á observación da eclipse en cada punto concreto. Isto significa que, aínda que nun concello a eclipse figure como total, pode haber zonas desde as que non chegue a verse correctamente no momento de máximo porque unha montaña ou unha elevación do terreo oculte o Sol.

No mapa facilitado polo IGN, esas áreas aparecen sinaladas en negro. O propio IGN indica ademais que esta simulación ten en conta o relevo do terreo, pero non as árbores nin os edificios.

Máis información aquí

Recomendacións para ver a eclipse

  • Elixe puntos con boa visibilidade cara ao oeste, especialmente tendo en conta que a eclipse terá lugar ao solpor.
  • Consulta previamente o visualizador oficial do IGN e a súa capa de visibilidade, xa que nalgúns puntos o relevo pode ocultar o Sol no momento de máximo.
  • Planifica con antelación o punto de observación e acode con tempo suficiente, xa que se prevén desprazamentos masivos ese día.
  • Á hora de regresar é preferible agardar a que se despexe o tráfico e aproveitar a noite para observar a chuvia de estrelas das Perseidas. Unha experiencia, xunto coa eclipse, completa e única.
  • Non mires nunca ao Sol directamente, nin a simple vista nin con lentes de sol convencionais.
  • Utiliza unicamente lentes para eclipses homologadas, con referencia á norma ISO 12312-2:2015 e marcado CE no caso de produtos comercializados na Unión Europea.
  • Non empregues nunca métodos caseiros como radiografías, cristais afumados, CD, disquetes ou filtros non homologados. Atención aos vidros ou filtros de soldadura, tampouco son seguros.
  • Non observes a eclipse con prismáticos, cámaras, telescopios ou outros aparellos sen filtros solares axeitados, xa que poden causar danos graves e irreparables na vista.
  • Pon as lentes antes de mirar ao Sol. Primeiro colócaas coa vista cara abaixo e, só despois, dirixe a mirada ao Sol. Nunca mires ao Sol antes de ter as lentes postas.
  • Limita o tempo de observación. Fai pausas e descansa a vista, con intervalos duns 30 segundos. Para iso, e antes de quitar as lentes, asegúrate de mirar antes cara abaixo.
  • Se os nenos observan a eclipse, deben estar sempre baixo supervisión. Asegúrate de que leven as lentes correctamente postas e de que non miren ao Sol polos laterais das lentes.

Consulta as recomendacións ampliadas do IGN aquí.

Decálogo de turismo responsable durante a eclipse

  1. Protexe a túa saúde e a dos teus.
  2. Protexe a túa vista.
  3. Planifica con antelación.
  4. Infórmate e viaxa preparado.
  5. Desprázate de forma segura e sostible.
  6. Elixe ben o lugar de observación.
  7. Aproveita a túa localización.
  8. Reduce o risco de incendios e coida a contorna natural.
  9. Respecta a convivencia coa comunidade local e o patrimonio cultural.
  10. Elixe produtos locais.

Información máis detallada aquí

Planifica e elixe ben o lugar de observación

A Delegación do Goberno en Galicia comunicou 15 puntos de exclusión na Mariña, é dicir, lugares aos que non se poderá acceder para ver o fenómeno, así como propostas para a observación da eclipse remitidas polas entidades locais que se atopan en fase de avaliación, polo tanto a información que aquí se recolle podería ser susceptible de actualización nos próximos días. Ademáis, algúns concellos da Mariña identifican outras zonas sensibles a evitar.

 Alfoz de Castrodouro, proposta de observación: Serra do Xistral na zona de Pena Abaladoira (non autocaravanas). Punto de exclusión: Castelo de Castrodouro

 Barreiros, puntos de exclusión: Punta de Anguieira e sistema dunar de Altar, Monte Comado, Monte Cornería e Monte Penabor (prohibido acceso en vehículo, permítese acceso a pé con precaución deixando o vehículo en San Miguel de Reinante, Celeiro de Mariñaos e San Cosme de Barreiros según corresponda), Santo Estevo do Ermo, Castro de San Bartolo, Círculo lítico da Roda, Mirador da Barcela, Mirador de Pallares, Pasarela de madeira que comunica a praia de Arealonga coa praia das Catedrais e Punta do Castro (San Miguel de Reinante).

 Burela, non establece puntos de observación nin de exclusión. Organiza actividades o día 8 e 12. Máis información no seguinte enlace.

 Cervo, non establece puntos de observación nin de exclusión.

 Foz, puntos de exclusión: A Frouxeira e o castro de Fazouro.

 Lourenzá, non establece puntos de observación nin de exclusión.

 Mondoñedo, non establece puntos de observación nin de exclusión.

 Ourol, non establece puntos de observación nin de exclusión.

 A Pontenova, non establece puntos de observación nin de exclusión.

 Ribadeo, proposta de observación: aparcamento público das Catedrais. Organiza actividade o día 12. Máis información no seguinte enlacePuntos de exclusión: praia das Catedrais, pasarela de madeira entre As Catedrais e Arealonga (Barreiros), Illa Pancha, pasarela de madeira do Cargadoiro.

 Riotorto, non establece puntos de observación nin de exclusión.

 Trabada, proposta de observación: Alto da Cadeira e Praza do Concello.

 O Valadouro, non establece puntos de observación nin de exclusión.

 O Vicedo, puntos de observación: praias de Xilloi, San Román, Abrela e Arealonga, porto, mirador de Muronovo, zona do parque eólico de Riobarba, igrexa de Cabanas e campos de fútbol do Vicedo e O Folgueiro. Punto de exclusión: Fuciño do Porco, Mirador de Tixoso, Ponte Río Sor, Mirador das Laxes, Ponte do Porto e Mirador de Moreiras.

 Viveiro: non establece puntos de observación nin de exclusión.

Xove, puntos de exclusión: Cantís de papel, Punta da Mansa e Faro Roncadoiro. Puntos de observación: praias de Esteiro e Lago.

Podes ampliar a información a través das seguintes ligazóns:

Noticia El Progreso

Noticia La Voz

Para seleccionar o lugar desde o que observar a eclipse, lembra, como explicabamos máis arriba, consultar o visualizador do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), que incorpora unha capa de visibilidade que permite comprobar como pode afectar o relevo á observación da eclipse en cada punto concreto.

Ademáis de ter en conta o decálogo do turismo responsable durante a eclipse.