As Carolas na memoria da Mariña. Un recoñecemento ás "señoras dos baños" de setembro.
A relación entre a costa e o interior é un feito inevitable. Como as persoas, os territorios atopan conexións e tecen redes para o mutuo beneficio. As Carolas ou Canouras, representan e sintetizan esa conexión. Mulleres que se achegaban á costa para descansar e recibir os beneficios que reportaba o mar na saúde e que traian consigo os produtos da terra e a personalidade das paisaxes rurais do interior da provincia.
Na Mariña traballamos polo turismo sostible. En fomentar unha actividade respectuosa no presente e que poña tamén en valor o noso pasado, recuperando e reinvindicando as partes que conforman a nosa historia. Nese contexto nace o recoñecemento á figura das Carolas ou Canouras a través dunha peza de cerámica Sargadelos motivada como agasallo institucional de promoción do destino e presentada en FITUR 2026. A iniciativa xurde no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña, financiado pola Xunta de Galicia, a Secretaría de Estado de Turismo e a Mancomunidade de Concellos da Mariña.
A historia de Sargadelos na Mariña remóntase a finais do século XVIII. Un complexo industrial iniciado por Raimundo Ibañez e que da man de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane xa no século XX, convértese nun referente do deseño e a divulgación da cultura galega, sendo un aceno indiscutible da nosa identidade.

Orixe dos baños
As orixes do turismo na Mariña remóntanse a mediados-finais do século XIX cando ata nosa costa chegaban veraneantes na temporada dos baños, como se coñece por anuncios e crónicas publicados na época. Procedentes de Lugo, León, Valladolid ou Madrid e tamén da comarca, viñan as vilas costeiras familias de clases acomodadas nos meses de xullo, agosto e setembro. En setembro chegaban ás nosas praias tamén as xentes labregas das contornas desde as zonas do interior para tomar os baños.
Os beneficios das augas foron un reclamo para centos de mulleres que tras as esgotadoras tarefas de labranza e de soster sobre os seus ombros os fogares, organizaban as maletas e viaxaban -case sempre sen os seus homes- cara ao sanador poder do mar, case máxico, para descansar e rexenerarse, coidando o seu corpo e a súa alma.
A onde e con quen viñan
Estas mulleres do interior da Mariña e da provincia de Lugo (A Pontenova, Riotorto, Meira, Castro de Rei, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Vilalba, A Pastoriza, Ourol...) viñan incialmente a Ribadeo, Viveiro, Barreiros e Foz coas súas familias, fillos e fillas, veciñas e amigas, a tomar os 9 baños de mar no mes setembro, unha vez recollidas as colleitas de verán, feita a malla e a sementeira de nabos.

Por que?
Os tradicionais baños de mar eran prescritos por facultativos e recomendados por amigas, veciñas e familiares, e no caso de Barreiros, por exemplo, complementábanse coas augas mineromedicinais da fonte de Santo Estevo.
Os baños, asumidos con certa ritualización, eran recomendados para combatir o bocio, tratar problemas circulatorios, reumáticos, de pel... e para os nenos se entendía que favorecía o crecemento e, en xeral, fortalecía o sistema inmune, previndo de enfermedades o resto do ano.
En Ribadeo comezou a funcionar na primeira década do século XX a Casa de baños “La Cantábrica" situada sobre a antiga praia de San Miguel, onde a xente pagaba por recibir o servizo dos baños con auga de mar quente ou da sala de aparellos hidroterapéuticos como os chamados “chorros”. Outras persoas tomaban directamente os baños na propia praia de San Miguel ou na do Cargadeiro ou os Bloques.. as máis próximas e accesibles a pé dende a vila.
Distintas denominacións
Segundo o lugar de destino, as “señoras dos baños” eran coñecidas como Canouras na zona de Ribadeo, Canónigas ou Carolas nas zonas de Barreiros e Foz, e en Viveiro se coñece tamén o apelativo de Carrachentas, nome cuxa orixe podería estar vencellada á denominación das "pegas carachentas", paxaros que viñan en bandada á zona no mes de setembro.
.png)
Costumes e consumo
Compre dicir que destas mulleres viñan con provisións de alimentos (pan, touciño, xamón, chourizos, etc..) que autoconsumían e/ou daban aos caseiros -posiblemente como parte de pago-. Tamén traían cartos en efectivo que investían non só en transporte para chegar, senón tamén en comidas e no comercio local, polo que está claro que o seu poder adquisitivo era suficiente para afrontar este tipo de gastos.
Estas viaxes foron prolongadas no tempo, tendo lugar desde mediados do século XIX e ata ben entrada a década dos 50. Unha tradición extendida a outras zonas de Galicia, onde eran chamadas Catalinas na Coruña ou poubanas e mantidas nas Rías Baixas.
Investigadores e divulgadores
Son moitas as testemuñas recollidas por escritoras/es e investigadoras/es da zona sobre este tema tan apaixoante que nos leva as orixes mesmas do turismo na Mariña. Por exemplo, esta cita do escritor Álvaro Cunqueiro Mora publicada no artigo Retablo del Verano (La Noche. 1948, 9 de xullo) e recuperada no libro “Unha historia do mar de Foz” de Xoán Ramón Fernández Pacios.
“aquí a las montañesas que bajan a Foz a bañarse, las llaman Canónigas. Traen sus grandes panes de centeno, sus palmos de tocino, sus quesos de dorada corteza. Se bañarán nueve días, en una medicación casi pitagórica ... canónigas rituales, remojándose nueve veces contra el ramo cativo, la crisípela, las verrugas, los romadizos y el mal de ojo”.
A memoria das Carolas segue a ser recuperada por investigadores e divuldatores e posta en valor por concellos costeiros da Mariña como Ribadeo que a través do programa “Baños de mar” iniciado no ano 2023 pola Oficina municipal de Turismo e que incluía diversas e interesantes accións como conferencias, coloquios, contacontos, visitas guiadas, concertos e baños colectivo.
Aquí deixamos algunhas fontes de información que podes visitar para coñecer mellor o mundo das carolas ou canouras e os inicios do noso turismo:
- A xénese do Viveiro contemporáneo. A Restauración. Unión Comercial, 1991. Carlos Nuevo Cal.
- Las fiestas de Viveiro en honor de San Roque se celebran por primera vez a finales del siglo XVI (Baños, romerías, canónigas...), La Voz de Galicia-A Mariña, 11 agosto de 1988. Carlos Nuevo Cal.
- Viveiro un turismo centenario. Suplemento promocional (Fitur), 28 xaneiro de 2005. Carlos Nuevo Cal
- As Carrachentas (2008) Fina Roca Díaz. Editorial: Estabañon
- Artigo de Emilio Xosé Ínsua (2014) - Bañistas labregas no mar galego de onte
- Unha historia do mar de Foz (2024). Xoán Ramón Fernández Pacios. Editorial: Lar Libros
- Entrevista de Mariña Marbillosa a Noemí Díaz Orol, investigadora da figura das Canouras en Ribadeo. (2025)
- Blog privado con distintas entradas relacionadas co tema dos baños de mar en Galicia e específicamente en Ribadeo. Creado por José María Carricoba Armesto. https://ascanouras.blogspot.com
E se coñeces outras fontes, podes escribirnos para recompoñer ente todos esta peza tan fermosa da nosa historia turística e cultural.
* Fotos cedidas pola familia de María Ledo Expósito, natural de Argomoso, Mondoñedo que de casada foi para Xemil, Pastoriza.
