Acto de presentación "A Mariña · Unha viaxe á identidade" e entrega dos diplomas SICTED.

 

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentou o mércores 11 de febreiro en territorio a proposta que levou a Fitur 2026 "A Mariña, unha viaxe á identidade" ante autoridades, concellos e un numeroso grupo de colaboradores do sector privado local e oficinas de turismo. Un acto que tivo lugar no salón de actos do IES de Foz e que tiña por obxecto facer entrega dos diplomas do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) da Mariña aos servizos que renovaron a súa distinción neste proxecto.

A través do evento, a Mancomunidade de Concellos da Mariña quixo explicar no territorio ante os axentes do sector, o traballo que está a desenvolver para a promoción turística deste destino; diferentes proxectos para construir un destino integrado, sostible e atractivo, para ampliar a temporada turística e para atraer novos segmentos, apostando por un modelo que respecta e protexe o patrimonio da Mariña, que aporta valor á sociedade e que pensa nas persoas.

Nese contexto foi presentada a figura de Sargadelos coa que se rende unha merecida homenaxe ás Carolas ou Canouras, consideradas tamén pioneiras da actividade turística na Mariña, mulleres labregas que, a finais do século XIX e sobre todo no século XX, chegaban acompañadas pola familia, fillos e veciñas ata a costa da Mariña procedentes das zonas do interior da comarca e da provincia de Lugo para tomar os chamados baños de mar.

A peza da "Carola" producida por Sargadelos representará á Mariña cando desde a Mancomunidade, por exemplo, se desexe realizar un agasallo institucional e os 16 concellos recibirán un número delas para o mesmo fin. Así mesmo, a Mancomunidade atópase estudando xunto a Sargadelos a súa posible comercialización para que o nome da Mariña chegue a través desta figura o máis lonxe posible.

Esta homenaxe forma parte da estratexia desenvolta pola Mancomunidade nos últimos anos ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística cofinanciado pola propia Mancomunidade -co apoio da Deputación de Lugo-, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo e que afonda na identidade do territorio a través dos seus valores, das súas tradicións e das súas xentes. 

Entrega diplomas SICTED a empresas e servizos que renovaron distinción 

Durante o acto fíxose entrega dos diplomas do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) da Mariña aos 26 servizos de aloxamento, restauranción, museos, oficinas de turismo e guías que renovaron a súa distinción neste proxecto que botou a andar da man da Mancomunidade no 2023 no marco do Plan de Sostibilidade,

Estes profesionais, xunto con 13  empresas e servizos de aloxamento, restauranción, guías de turismo, artesanía, museos e turismo activo acreditadas en 2024, conforman unha rede activa de 39 axentes que traballan pola calidade turística na Mariña, aos que o ente ten previsto poder chegar a 20 novos servizos e empresas neste 2026.

Os 39  servizos distinguidos polo SICTED da Mariña son: 

  • RESTAURANTES: El Oviedo, Hotel Restaurante Javier Montero, Taberna Galicia e Augas Santas Cervexería artesanal.
  • ALOXAMENTOS: Hotel Albergue Montero, Luzada Glamping Burbujas, Finca Goleta, Hotel Mi Norte, Hotel-apartamento Complexo Alameda, Lumen Place Albergue, Lumen Place Apartamentos, Casa do Mudo, Casona de Labrada, Hotel Restaurante Javier Montero, A Lume Manso, Cabanas da Barcela, Hotel U Viveiro, Hotel Ego, Hostel Áncora Foz, Malates Slow Hotel Boutique Foz, Finca O Bizarro, Hotel Rías Altas, Hotel O Cabazo, Casal de Pelaio.  
  • GUÍAS: Sra.María Servizos Turísticos-Noela Feal, La Guiateca-Carmen Delia, Rutas Galicia Norte-Boris  Vilar, Guía tu día-Ana Pena. 
  • OFICINAS DE TURISMO: O Vicedo, Ribadeo, A Pontenova, Viveiro, Burela e Lourenzá. 
  • TURISMO ACTIVO: Bicips.com 
  • MUSEOS: Catedral de Mondoñedo; Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen e Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá. 
  • ARTESANÍA: Esquina Atlántica, Artesanía do Pasatempo. 

No acto interviñeron a presidenta e vicepresidenta da Mancomunidade, Rocío López e Ana Ermida; o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, Javier Arias; a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López; a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; o alcalde do Concello de Foz, Francisco Cajoto; e a directora do IES, Leticia Maseda.

Como peche do evento foi servido un petisco aos asistentes elaborado e presentado polo alumnado de FP de Hostalería do IES de Foz.