A Mariña reivindica en FITUR 2026 a figura das "carolas" como parte da súa identidade turística
O xoves 22 de xaneiro, a Mancomunidade presentou en FITUR no discurso da presentación A Mariña, unha viaxe á identidade, a figura de Sargadelos coa que se rende unha merecida homenaxe ás Carolas ou Canouras. Esta proposta quere poñer en valor a aquelas mulleres labregas que chegaban acompañadas pola familia e as veciñas ata a costa da Mariña procedentes das zonas do interior da comarca e da provincia de Lugo para tomar os “baños de mar” no mes de setembro.
FITUR 2026 pechou este pasado luns as portas da súa 47 edición, na que participaron 255.000 visitantes nas súas cinco xornadas dos cales 155.000 foron de perfil profesional. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense estivo presente un ano máis e valorou moi positivamente o seu paso por esta feira de turismo, que serve de proxección mundial e que funciona como plataforma de negocios no sector.
No acto de presentación da Mariña realizado o xoves 22 ás 17:30 horas no pavillón de Galicia, foi presentada a figura "A Carola" producida por Sargadelos, proxecto empresarial que naceu na Mariña e que foi referente cultural de Galicia no século XX. A figura tivo unha gran acollida por parte do público especializado, destacando a singularidade da proposta, a vinculación desta co territorio e espertando a curiosidade de moitos asistentes que descoñecían esta peza da historia do turismo na Mariña.
Máis información sobre "As carolas"
ENCONTROS PROFESIONAIS FITUR 2026
Representantes da Mancomunidade de Concellos da Mariña aproveitaron o seu paso por Fitur para manter encontros orientados á promoción do xeodestino e ao seguimento de diversos proxectos. Deste xeito mantiveron reunións con turoperadores, prensa especializada e empresas provedoras de servizos co obxectivo de promover sinerxias e intercambiar información sobre servizos e produtos de potencial interese para o noso xeodestino.
Camiño do Mar
A Mancomunidade se reuniu con Concellos do xeodestino de Ferrolterra-Rías Altas coa finalidade de facer seguimento dos proxectos que unen a ambos territorios como é o caso do Camiño do Mar. Informando aos representantes dos Concellos alí presentes do estado deste proxecto que se aborda no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña. Ambas entidades quedaron emprazadas a reunirse no territorio para seguir avanzando neste proxecto, que cada vez vai tendo a súa execución material máis cerca.
Asociación Ecoturismo de España
Na axenda de traballo da Mancomunidade en Fitur tamén estivo a reunión coa xerente da Asociación de Ecoturismo en España (AEE) logo de facerse efectiva no pasado mes de decembro a incorporación do xeodestino da Mariña Lucense á mesma e coa finalidade de definir os seguintes pasos a dar conxuntamente.
AEE é unha asociación sen ánimo de lucro creada no 2010 para fomentar o turismo sostible e cuxa misión é ser o referente do ecoturismo en España, sendo o ente xestor do clube de produto Ecoturismo en España co apoio da Secretaría de Estado de Turismo. É unha iniciativa pioneira que ofrece experiencias de ecoturismo en espacios naturais protexidos. Actualmente agrupa a 53 destinos de 14 Comunidades Autónomas e máis de 800 empresas, que baixo a marca Soy Ecoturista asumen o seu compromiso co desenvolvemento sostible.
A Mariña Lucense incorpórase á AEE logo de participar no proxecto Reserva Ecoturista de la España Verde, vinculado á Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, a través do que se acreditaron cinco empresas cos requisitos de Soy Ecoturista. Faino preveendo poder incorporar máis empresas do territorio gracias ao Plan de Sostibilidade Turística, cofinanciado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
Coa incorporación da Mariña Lucense á Asociación de Ecoturismo en España fíxose tamén efectiva a da comarca Oscos-Eo (Asturias) e a Ribeira Sacra.
MISEA: mesa redonda
O pasado ano A Mariña foi seleccionada para participar no Modelo de Innovación Sostible de Experiencias Agroturísticas (MISEA), un proxecto da Secretaría de Estado de Turismo e implantado a través de SEGITTUR e que ten como obxecto motivar a participación do sector primario no sistema turístico local, aportando asesoramento e formación para a creación de experiencias innovadoras e sostibles.
No contexto de Fitur 2026, a Mancomunidade foi convidada por SEGITTUR a integrar xunto con outros tres relatores á mesa redonda Turismo e sector primario: novas sinerxias para o desenvolvemento local, encontro no que A Mariña puxo de manifesto o interese do destino en participar deste proceso que encaixa perfectamente na xestión turística actual e que se ve favorecido pola existencia dun traballo previo como é a redacción do Plan Director de Turismo Gastronómico e a existencia do Colectivo de Gastornomía da Mariña, unha asociación que aglutina a representantes de toda a cadea de valor da gastronomía -e por tanto a varios produtores locais-, afín aos principios da sositbilidade, e integrado activamente no sistema turístico do destino.
O paso da Mancomunidade por FITUR permitiu amosar os proxectos sobre os que se está a traballar no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña e dos convenios de colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo que están permitindo que este xeodestino se está a posicionar moi ben no panorama turístico deste país, como destino sostible, integrado, slow e moi conectado co territorio e coa súa xente.
