A Mariña divulga a súa "Guía do turista responsable"

 

Viaxar é unha das experiencias máis enriquecedoras que podemos vivir, pero tamén esixe unha gran responsabilidade. Cada paso que damos como visitantes ten un impacto no territorio e moitas veces podemos influír en que sexa positivo.

 

Editada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, esta Guía do Turista  responsable está deseñada para axudarche a gozar ao máximo da túa viaxe mentres coidas dos lugares que che acollen. Unha invitación para coñecer A Mariña Lucense de forma máis sensible e deixando unha pegada positiva.

Un breve Manual de boas prácticas que xorde como parte do proxecto de Estudos de Capacidade de Carga en 11 lugares de especial fraxilidade da Mariña Lucense, grazas ao Plan de Sustentabilidade Turística vixente, e que ten como obxectivo ofrecer sinxelos consellos que permitan aos viaxeiros gozar do destino de forma máis consciente e sostible.

Máis que unha lista de recomendacións, ofrece unha oportunidade para repensar como viaxamos.

 

A continuación, compartimos algunhas claves que a inspiran:

 Viaxar con conciencia comeza moito antes de facer a maleta. Informarse sobre o lugar que vas visitar, a súa cultura, a súa historia e a súa xente é unha forma de enriquecer a túa experiencia e mostrar respecto pola identidade do territorio. Unha vez no destino, mergullarse con sensibilidade na súa vida cotiá valorando o que o fai único: saborear a súa gastronomía, apoiar os seus mercados, celebrar as súas tradicións.

 Cada pequena decisión conta. Ao elixir produtos locais, apoiarás directamente a quen dá vida ao destino. Ao moverte por contornas naturais ou patrimoniais con coidado e respectando as indicacións, evitarás deixar pegada, e estarás preservando o legado común.

 Ser parte da comunidade, aínda estando de paso, simplemente con palabras ou xestos amables e con respecto cara ás normas locais pode transformar a túa experiencia e a de quen está ao teu redor.

E por suposto, convidámosche a elixir sempre opcións sostibles: transportes menos contaminantes, aloxamentos comprometidos e prácticas respectuosas co planeta.

 

 

Descárgaa aquí: Guía do Turista Responsable

Fai da túa próxima viaxe unha experiencia transformadora, para ti e para o lugar que che recibe.