A Mariña acolle viaxes de familiarización ao destino para favorecer a súa promoción
A Mariña foi recentemente o escenario de dúas accións de promoción turística: un blog trip e un fam trip, organizados pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense no marco do Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024. O obxectivo destas iniciativas é dar a coñecer a ampla e diversa oferta turística da comarca a nivel nacional e motivar a súa comercialización.
O blog trip tivo lugar entre o 13 e o 16 de maio, coa participación do coñecido perfil de viaxes Guías de Viaje, mentres que o fam trip se desenvolveu durante a fin de semana do 24 e 25 de maio, con representantes da empresa comercializadora Infinita Viajes, con sede en Santiago de Compostela.
En total, os perfís participantes suman máis dun millón de seguidores nas súas redes sociais, o que garante unha ampla difusión da Mariña como destino turístico. A través desta colaboración, compartirán contidos en blogs e redes, e impulsaranse ademais novos paquetes turísticos para a súa comercialización.
Tamén en marzo 2025, a Mancomunidade apoiou o encontro da Asociación Travel Bloggers Galicia TB, unha entidade que engloba a perfís sociais de toda Galicia dedicados á creación de contidos de viaxes, favorecendo o coñecemento do noso destino a través de visitas guiadas por profesionais.
Blog Trip: descuberta e difusión do patrimonio
Durante o blog trip, dúas persoas do perfil Guías de Viaje fixeron un percorrido completo pola Mariña, visitando lugares emblemáticos como a praia das Catedrais (Ribadeo), os Cantís de Papel (Xove) ou as históricas fábricas de Sargadelos (Cervo). Tamén descubriron espazos singulares como o Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen (Burela), o Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá ou o castelo de Castrodouro (Alfoz).
A experiencia completouse cunha inmersión na gastronomía local e visitas guiadas polas vilas históricas, sempre acompañados por guías locais.
Fam Trip: natureza, lecer e turismo activo
O fam trip, centrado no turismo activo e a natureza, permitiu ás dúas representantes de Infinita Viajes descubrir propostas únicas como a espeleoloxía na Mina Consuelo (A Pontenova), o descenso en tirolina na ruta dos Fornos, ou espazos culturais como as Audioguías Ficcionadas ou o espazo etnográfico de Santo Estevo (Barreiros). Tamén percorreron o Paseo de Malates, en Foz.
Durante estas visitas evidenciouse a calidade e variedade da oferta local que conta con establecementos hostaleiros e de restauración que apoian un modelo de turismo sostible e de calidade.
Xuntanza en Viveiro de Galicia Travel Bloggers
Entre o 22 e o 23 de marzo Viveiro acolleu o encontro da Asociación de Travel Bloggers Galicia TB. O programa convidaba aos asistentes a participar dun programa de actividades para coñecer diferentes puntos do territorio, incluíndo visitas guiadas a Xove -para coñecer a súa riqueza xeolóxica-, Viveiro -para afondar na súa riqueza patrimonial- e Foz -para explorar a súa oferta cultural e natural-; organizadas en colaboración coa Mancomunidade de Concellos dá Mariña.