Fervenza de Guilán
O acceso realízase pola LU-P-2604, que se pode coller nun cruce sinalizado sobre a estrada LU-862 no centro de Xove. Pola LU-P-2604, e a uns 600 m, despois de pasar por debaixo da vía de alta capacidade da Costa Norte CG.2.3., veremos sinalizado o camiño á dereita. No contorno pódese deixar o vehículo. Dende aquí comeza un camiño forestal entre plantacións de eucaliptos, paralelo á vía de alta capacidade, e que ten sinalizados os desvíos cara á fervenza. Tras uns 2 km de paseo, está o desvío, á esquerda, que indica o ascenso á fervenza por un camiño de pedras bastante empinado. Tras uns 250 m de subida, atópase o último desvío (que actualmente -nov/2020- non está sinalizado) xunto a unha torreta, e dende aquí, a uns 300 m, atópase esta fermosa fervenza.
O acceso tamén pode realizarse por un camiño algo máis curto, que parte do contorno do polígono industrial, pero que actualmente carece de sinalización. Neste caso, partimos dende Xove pola estrada LU-862, dirección Viveiro. Á altura do quilómetro 94, antes do Polígono Industrial de Camba, entramos polo primeiro desvío á man esquerda. Seguimos o camiño de terra durante aproximadamente 1 km e, cando o camiño comeza a subir, collemos o camiño de pedras á man dereita. Tras un último desvío á dereita, xa estará próxima, á vista, a fervenza.
As augas do regato de Guilán descenden pausadamente dende o seu nacemento, ata que se atopan na zona da Panda cun medio máis escarpado. Neste punto, as súas augas realizan un salto duns 70 m, onde se desprega unha fermosa fervenza, ancha e espumosa, sobre todo no inverno.