Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental

 
Espazo natural

A Mariña Lucense é parte importante desta gran "autoestrada" do noroeste para as aves migratorias pola que pasan anualmente miles de exemplares, especialmente no seu percorrido post-nupcial de finais de verán e outono.

Este espazo natural protexido, declarado Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), bordea o litoral de Galicia desde a desembocadura do Miño, ata a ría de Ribadeo para, a continuación, estenderse ata Cabo de Peñas, xa en Asturias.

Por este corredor pasan preto dunha trintena de especies diferentes de aves migratorias.

Entre as máis frecuentes para a súa observación atópanse: o carolo; anátidas como o pato rabilongo, o asubiador e o mergo cristado; diferentes especies de gaivotas como a chorona e a tridáctila; ademais do corvo mariño cristado, o pentumeiro e o arao.

A destacar pola súa vulnerabilidade e por ser obxecto de medidas especiais de conservación poderemos observar aves como: a pardela cincenta, que aniña na Illa Coelleira -O Vicedo-; a gaivina negra; diferentes especies de mobellas como a ártica, a grande e a pequena; os paíños de rabo gallado e o pequeno; as gaivotas pequena e cabecinegra; o furabuchos balear, o petrel de Madeira; os carráns común, ártico, cristado e o pequeno; e finalmente, o arao ibérico.

Máis información sobre rutas ornitolóxicas aquí.