Casa de Pita

 
Patrimonio indiano

Vivenda promovida por Francisco Carballido en 1928 formada por dúas plantas e un baixocuberta, con cocheira lateral rematada nunha terraza balaustrada. A interesante fachada, está rematada por unha bufarda teitada con cuberta a dúas augas. O xardín está salpicado de varias especies arbóreas propias da zona.

Data de construción: 1928

Estilo arquitectónico: Eclecticismo.

A vivenda foi promovida por Francisco Carballido e construída en 1928. Situada á beira da estrada comarcal 620, esta casa -como outras- tamén se viu privada do seu peche orixinal debido ás obras de ampliación e mellora do viario. O xardín que estaba situado enfronte da vivenda viuse reducido, de modo que na parte frontal da vivenda só se conserva a escalinata balaustrada de acceso á vivenda. A leira duns 1500 metros cadrados de extensión está salpicada de varias especies arbóreas propias da zona.

A construción está formada por dúas plantas e unha baixo cuberta; no costado lateral esquerdo álzase unha cocheira dunha soa planta rematada en terraza balaustrada. O lateral oposto está ocupado por unha galería de dúas plantas de grandes dimensións.

O elemento máis representativo desta vivenda é sen dúbida a súa fachada a cal establece unha diferenza entre a parte inferior, composta por un revogo que simula xuntas horizontais, e os paramentos lisos e alaranxados da planta superior. O conxunto está rematado por unha singular bufarda teitada con cuberta a dúas augas de gran pendente que finaliza nunhas tablillas a modo de frontón; este elemento, típico das vivendas rústicas centroeuropeas, coróase cun pináculo de madeira.