Casa de Andrés Sánchez
Vivenda indiana promovida por José Vázquez. A estrutura está composta por tres corpos diferenciados: a vivenda; a galería, no lateral esquerdo da construción; e a cocheira tamén no lateral esquerdo baixo a galería.
Data de construción: Anos 20
Estilo arquitectónico: Autóctono
Esta vivenda promovida por José Vázquez, presenta tres corpos perfectamente diferenciados.
En primeiro lugar, está a vivenda propiamente dita, un edificio que consta dunha planta baixa, unha planta alta e un espazo baixo cuberta. Destaca a organización singular da fachada: os ocos da segunda planta son simétricos (xanela, balcón, balcón, xanela) e con todo, os da planta inferior son asimétricos (porta, xanela, porta, xanela), o que rompe a simetría da fachada. No lateral dereito destaca un miradoiro de catro corpos que confire ao inmoble certo aire de levedade.
O segundo corpo está formado pola galería que ocupa o lateral esquerdo da construción. Este é un elemento moi característico das casas de alto nivel económico. Finalmente, o terceiro corpo constitúeo a cocheira situada no lateral esquerdo baixo a galería e que está adornada con pináculos rematados en pequenas esferas.