Casa das Veigas

 
Patrimonio indiano

Casa labrega reconvertida en indiana nos anos 30 por Francisco Cao, emigrante en Cuba. A vivenda consta de tres plantas na que destacan dúas galerías nos laterais. Posúe interesantes elementos decorativos que revelan a intención do promotor de amosar o seu éxito. 

Data de construción: Anos 30

Estilo arquitectónico: Eclecticismo

A orixe desta construción está nunha casa labrega que Francisco Cao, o seu dono e emigrante en Cuba, quixo converter en indiana engadindo determinados volumes e coa construción dunha fachada cargada de elementos ultramarinos. A súa construción podemos situala ao redor dos anos 30.

O edificio consta de tres plantas destacando a ambos os dous lados do corpo principal dúas galerías. Con todo, é recomendable deterse na análise dos elementos decorativos, pois son, neste caso, os que revelan a intención de mostrar o éxito do promotor. Destacan o antepeito da galería pequena, que forma un casetonado adiamantado inédito; ou as ménsulas que a sosteñen, as cales presentan unha composición complexa na que se mesturan trazos rectilíneos coas volutas nun claro estilo ecléctico. Tamén de estilo ecléctico é o parteluz das xanelas e o peto de coroación onde se acha unha falsa balaustrada e pináculos sobre pilarotes e basas. Cabe destacar tamén o miradoiro, bonito, elegante e equilibrado.