Audioguía ficcionada de Burela

 

O mar dos pataqueiros

Unha historia entre a terra e o mar

Descargar audioguía Galego

Neste paseo audioguiado embarcarémonos por mar e terra na historia vital e mariñeira de Burela. Reconstruiremos na nosa mente a vida das súas xentes e a evolución da vila ata os nosos días.

O relato, cunha duración de 45 minutos, creado ao fío de diferentes conversacións por radio entre barcos deste porto pesqueiro, permítenos pasear polas rúas de Burela a través dos recordos dos seus tripulantes.

Neste percorrido, guiado por experimentados homes e mulleres de mar, coñecerás diferentes recunchos da vila nos que emerxe un interesante legado mariñeiro, agrícola e industrial froito do vínculo cos recursos proporcionados pola contorna. Sabías que as mesmas mans que preparaban as redes tamén sementaban a terra?

Sobe a bordo e acompáñanos a buscar respostas sobre como Burela chegou a converterse nun dos principais portos pesqueiros de Galicia e do Cantábrico.

Duración: 45 minutos

Clica na imaxe inferior para ampliar o mapa co percorrido da audioguía

Para ter en conta: a continuación podes percorrer o paseo marítimo de Burela por onde tamén discorre o Camiño Natural Ruta do Cantábrico gozando dunha fermosa paisaxe. Outra opción é subir ao Miradoiro do Monte Castelo para obter unha panorámica sobre a vila e gran parte da costa da Mariña.

Recomendámosche

En todo momento, a través dos diferentes relatos, irás recibindo indicacións por onde debes ir. Por iso, unha vez conectado o son non se debe interromper e terás que apagalo só ao chegar ao final. Recomendámosche que encendas o audio e te deixes levar pola historia única e diferente destes lugares. Para evitar indicentes é moi importante que realices paradas en lugares seguros e que teñas coidado co tránsito rodado ao camiñar. Agardamos que disfrutes da experiencia!