Aporta a túa opinión
Fai clic na imaxe de abaixo e accede ao noso formulario de 12 preguntas no que poderás recomendar os teus recursos favoritos da Mariña e do teu municipio e darnos a túa visión sobre o turismo como actividade que xera impactos positivos e tamén retos no territorio, hoxe e de fronte ao futuro.
Só che levará 5 minutos. Anímaste?
Este cuestionario forma parte da campaña de comunicación interna "A Mariña Latexa contigo" que executou a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense no marco do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña, que cofinancia esta entidade xunto coa Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
O Plan de Sostibilidade, iniciado en 2022, ten como obxectivo consolidar un modelo de turismo máis sostible para A Mariña e, cun investimento de 2.225.000€, está a permitir realizar proxectos para atraer a novos segmentos turísticos en tempadas de menor afluencia; mellorar o destino en termos de calidade, sostibilidade e xestión; reforzar sinerxías entre os axentes do territorio e reforzar lazos entre os 16 concellos que conforman a comarca dándolles visibilidade baixo unha marca territorio única: “A Mariña. Galicia de corazón”, que nos presenta como unha terra singular, dinámica e diversa.
Se queres coñecer os nosos proxectos en detalle, podes acceder a: Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense.
O cuestionario, que está dirixido a residentes da Mariña e persoas que sintan un vínculo especial coa mesma, recolle preguntas realizadas nas entrevistas feitas para a campaña durante o mes de decembro de 2024, e suma outras cuestións relacionadas coa actividade turística no territorio. A túa opinión impórtanos porque sabemos que o turismo pode traer riqueza, económica e social, pero tamén presenta retos derivados da súa actividade.