Antigas escolas Vicente Casavella
Ao morrer Vicente Casavella en 1900, deixa estipulado que se legase á parroquia de Ourol a cantidade de 25.000 pesetas para a construción dunha escola de ambos os sexos nun lugar céntrico, e que debía denominarse "Vicente Casavella". Nacendo no seo dunha familia moi pobre, Casavella emigrou a Cuba onde prosperou, e foi unha das súas prioridades fomentar a educación elemental para nenos e nenas.
Benfeitor: Vicente Casavella.
Edificación: Escola de ensinanza primaria. Uso actual: Sede Consistorial.
Vicente Casavella, sen dúbida un dos personaxes máis importantes do noso municipio, naceu o 2 de xullo de 1840 no barrio de Ou Candedo (Ourol), no seo dunha familia moi pobre. Sendo moi novo tivo que emigrar a Cuba; contan algúns veciños que mesmo entre os emigrantes de Ourol fíxose unha colecta para comprarlle roupa e zapatos para a viaxe. Alí traballou nun primeiro momento como carboeiro e logo pasou a ser propietario do seu propio negocio. O feito de non saber ler nin escribir fixo que pasase moitas dificultades, motivo que o levou a promover a creación das escolas na súa parroquia natal, xa que o seu principal desexo era que ningún neno ou nena quedase sen unha educación elemental.
Cando Vicente Casavella morre, o 27 de xullo de 1900 na cidade da Coruña, deixou estipulado no seu testamento que se legase á parroquia de Ourol a cantidade de 25.000 pesetas para a construción dunha escola de ambos os sexos na propia parroquia. Ademais, dita escola debería denominarse “Vicente Casavella” e debería ser construída, tal como se recollese no documento, nun lugar céntrico da parroquia en canto isto fose compatible coas comunicacións e a proximidade dos demais centros de poboación. A escola sería propiedade da parroquia de Ourol e a súa finalidade sería educativa. Doutra banda, xunto co seu afán de asegurar unha educación para os máis pequenos, Vicente Casavella tamén se preocupou polos máis pobres, dando unha cantidade de diñeiro que debería ser repartida entre os máis necesitados.
O concello, cumprindo a última vontade deste veciño, comeza a construción dun edificio no que se situarán a escola, unha capela e os locais da Casa Consistorial.