A Fervenza (Viloalle)
Situada a uns 3 km de Mondoñedo, está sinalizada dende esta cidade, saíndo pola LU-160 dirección Alfoz. Tras atravesar o Barrio de San Lázaro, se queremos chegar en coche, a uns 2 km debemos coller un desvío á esquerda. Atravesamos unha ponte e volvemos xirar á esquerda por unha pista estreita que, tras ascender uns 300 m, chega a unha pequena zona de aparcadoiro. O acceso tamén pode realizarse a pé: dende a LU-160, onde se sitúa un panel informativo (fronte a unha fonte), sae un sendeiro que nos permitirá chegar á Fervenza a través dunha fermosa ponte peonil.
O río Tronceda, que nace na Serra do Xistral e é afluente do Masma, forma unha serie de pozas e saltos de auga bastante caudalosos. Nesta zona hai un conxunto recreativo formado por: unha poza natural, rodeada de grandes rochas e eucaliptos, e unha piscina fluvial.
Tamén hai unha área apropiada para merendas e unha ponte de madeira, "Ponte dos Carabullos". Este lugar está incluído nunha ruta de homenaxe ao escritor Leiras Pulpeiro e no contorno estase rehabilitando unha antiga fábrica de luz.