Ruta dos ferreiros de A Pontenova y Riotorto
A variedade de oficios artesáns na Mariña Lucense é un dos seus sinais de identidade. Así, a historia dos municipios orientais da Pontenova e Riotorto está intimamente ligada á extracción, transformación e transporte do ferro; cuxa abundancia na zona deu lugar a unha forma de vida que hoxe en día continúa grazas aos seus ferreiros e ás diferentes propostas turísticas ao redor do seu pasado industrial. Aquí, a inmersión na historia local e a diversión van da man.
Navallas J. Rodil, en A Pontenova, e JOMACA ou MAF, en Riotorto, moldean o duro aceiro como facían os seus devanceiros. Usando o lume das forxas alimentadas con carbón, a zafra, os mazos e o martelo, os ferreiros crean ferramentas de corte como navallas, coitelos e fouces.
No interior de cada obradoiro poderemos ver as ferramentas propias do oficio, na súa maioría confeccionadas por eles mesmos, e adquirir algún dos obxectos artesanais. A historia destas localidades veciñas está estreitamente ligada á ferrería e á minería do ferro. Rodil, JOMACA e MAF son tres dos artesáns que manteñen vivo este oficio que antigamente era a forma de vida de moitas familias da zona.
No centro da Pontenova sitúanse os fornos de Vilaoudriz, construídos a finais do século XIX para fundir o ferro extraído das minas próximas e emblema desta localidade. No antigo edificio da estación de tren atópanse a Oficina municipal de turismo e a Aula de Interpretación da Pesca. Desde Vilaoudriz parte a Ruta do Ferrocarril do Río Eo, unha ruta de 12 quilómetros que segue a antiga liña de ferrocarril que durante a primeira metade do século XX transportaba o ferro ata Ribadeo para ser cargado en barcos no Cargadoiro, en plena Reserva da Biosfera Río Eo-Oscos e Terras de Burón. Polas distintas rutas de sendeirismo que existen, tamén se pasa polo Forno de Boulloso ou pola Mina Consuelo con visitas guiadas ao seu interior e a posibilidade de reservar un salto na Tirolina das Minas, empresa que tamén ofrece visitas guiadas por esta contorna. En Riotorto, a 8 quilómetros da Pontenova, moi próximo aos obradoiros de MAF e JOMACA, en plena Ruta do Ferro, atópase o mazo de Ferreiravella de 1742. Rehabilitado, na actualidade forma parte dunha Área Recreativa e Conxunto Etnográfico que é posible coñecer mediante cita previa no teléfono 982 346 222.
Tamén che recomendamos: En Trabada (a 15 quilómetros da Pontenova) podes desfrutar dunha ruta a través dun frondoso bosque entre vexetación autóctona pola Fraga da Becerreira. Preto de alí está o Museo Etnográfico José Rocha, unha colección sobre obxectos, trebellos e oficios doutros tempos.
