A Mariña Central

 

A Mariña Central está formada polos municipios de  Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro. 

A Serra do Xistral, os vales dos ríos Masma e  Ouro e formacións xeolóxicas que alcanzan os 300 millóns de anos conforman este territorio de gran valo rnatural e paisaxístico, que poderás coñecer a través dun bo número de rutas de sendeirismo. Se es amante de gozar da paisaxe e da natureza e, en definitiva, do turismo slow, A Mariña Central é o teu destino.

Ademais, un pasado cargado de historia e o Camiño de Santiago achégannos, pola súa banda, a un rico patrimonio arquitectónico no que sobresaen a vila deMondoñedo, o mosteiro de San Salvador de Lourenzá e a basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz).

Descubre os imprescindibles deste territorio!

BURELA

Falar de Burela é falar de mar. Achegarse á súa lonxa, admirar o traballo artesanal das redeiras e percorrer o barco museo Reina del Carmen, permitiranche descubrir a importancia histórica da pesca en Burela e a súa gran tradición na captura do bonito, protagonista da feira que se celebra a primeira fin de semana de agosto dende fai máis de trinta anos.

Percorre o seu paseo marítimo rodeado de praias, dende este, poderás avistar os restos arqueolóxicos de Chao  do Castro. De gran relevancia xeolóxica son as formacións xeolóxicas de O Perdouro, o conxunto de  pregamentos mellor conservado de toda Galicia cuxa idade se estima en máis de 300 millóns de anos.

O VALADOURO

As terras de O Valadouro están regadas polo río que lle pon nome, o cal ten fama de ter contido este prezado mineral.

Do patrimonio artístico do Valadouro, ademais da súa arquitectura civil chea de pazos, destaca sobre todo a arte relixiosa das súas igrexas e capelas como a de Santa Filomena do Cadramón, na Serra do Xistral.

Tamén poderás gozar do bonita Ruta dos Pozos, que che achegará ao Pozo das Moscas e ao Pozo da Onza, fermosas paraxes onde vexetación, auga e pedras únense formando un escenario perfecto.

MONDOÑEDO

O impresionante casco antigo de Mondoñedo, de orixe medieval e dominado pola catedral, foi declarado conxunto histórico-artístico. As súas rúas de carácter señorial condúcennos ao Barrio dos Muíños, onde poderemos achegarnos a varios obradoiros de artesanía ou a lugares históricos como A Ponte do Pasatempo.

A mellor opción para percorrer a localidade é deixarse levar pola audioguía ficcionada Mondoñedo e familia, que che permitirá coñecer os puntos importantes da vila.

Goza da gran riqueza paisaxística da zona a través de diversos roteiros. Atoparás áreas protexidas como A Fraga Vella ou paraxes únicas como A Cova do Rei Cintolo, o santuario da  espeleoloxía galega.

LOURENZÁ

Lourenzá, que, como Mondoñedo, se atopa aos pés do Camiño de Santiago, posúe un gran atractivo turístico, tanto por beleza paisaxística como pola riqueza pesqueira dos seus ríos ou o seu legado patrimonial.

A historia de Lourenzá estivo moi ligada ao Mosteiro de San Salvador, declarado monumento histórico-artístico. A súa igrexa, foi rematada por Casas Novoa como ensaio da fachada da catedral de Compostela, de aí a similitude entre ambas. Entre os monumentos arquitectónicos do concello destaca tamén o Pazo de Tovar, en Canedo, obra exemplar do estilo gótico- isabelino.

Así mesmo, non podes deixar Lourenzá sen probar a Faba de Lourenzá, manxar con Indicación Xeográfica Protexida. Coñécea a través da Ruta da Faba visitando lugares como o Centro de Interpretación da Faba.

FOZ

Foz é un histórico porto reconvertido en turístico grazas ás súas bonitas praias. A súa orixe remóntase á época  prerromana. Poderás comprobalo visitando o Castro de Fazouro, ao leste da praia de Arealonga. A praia da Rapadoira é o areal urbano de Foz e o máis coñecido pero existen moitos outros de recomendable visita. 

Neste concello, atopamos a basílica de San Martiño de Mondoñedo, declarada Monumento Nacional e considerada como a catedral máis antiga de España. Moi próximo, poderás visitar o  Espazo Caritel, un conxunto de museo artístico e parque botánico moi singular.

ALFOZ

Alfoz destaca pola figura do  Mariscal Pardo de Cela. Testemuños da súa historia son as fortificacións do Castelo da Frouseira, do que só se conservan ruínas, ou o Castelo de Castrodouro, espectacular miradoiro sobre o val circundante e do que se mantén a súa fermosa torre medieval.

Tamén en Alfoz atopamos a Finca Galea, que acolle o Museo Etnográfico da Auga nunha paraxe única no que as augas do río Ouro dan vida a muíños, fontes ou saltos de auga.

Numerosas rutas de sendeirismo permiten descubrir o patrimonio natural do concello e coñecer paraxes inigualables como o da  Fervenza do Escouridal, considerada como a máis alta de Galicia.

Ver lista