A Mariña. Plans con corazón.
16 rutas e visitas guiadas polos 16 concellos da Mariña
A Mariña. Plans con corazón convídate a descubrir o noso destino durante as fins de semana e festivos, do 26 de setembro ao 14 de novembro, a través dun programa de 16 rutas a pé e visitas guiadas, unha por cada un dos concellos que conforman A Mariña Lucense.
Promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, o programa pon en valor a diversidade do noso territorio a través da súa natureza, historia, patrimonio, etnografía, gastronomía e artesanía.
Unha oportunidade para descubrir A Mariña desde novas perspectivas, da man de guías locais con experiencia e de anfitrións do territorio que compartirán os seus coñecementos, historias e proxectos. Persoas que nos axudarán a interpretar a nosa paisaxe natural e cultural e a descubrir recunchos, tradicións e experiencias que forman parte da nosa identidade.
Nesta edición de 2026 poderemos adentrarnos nos bosques e paisaxes costeiras da Mariña, percorrer os seus camiños e sendeiros, coñecer tradicións e produtos locais, achegarnos á artesanía e á gastronomía, e visitar monumentos e vilas históricas para descubrir algúns dos seus segredos.
Este outono contas con 16 motivos para descubrir A Mariña. Escolle a túa experiencia, reserva a túa praza e déixate sorprender por un territorio que sempre ten algo novo que contar.
E se estás pensando nunha escapada de fin de semana, podes completar o plan nalgún dos establecementos distinguidos polo SICTED ou pertencentes á rede Turismo Slow Norte de Galicia e, por suposto, saborear a gastronomía de outono, cando os produtos e sabores da nosa terra cobran un protagonismo especial.
Preme na imaxe de abaixo para acceder directamente ás reservas ou continúa navegando por esta páxina para atopar máis información!
A Mariña - 16 Plans con corazón
Ver mapa interactivo


