Sendeirismo

 
WEB

As rutas de sendeirismo permítennos camiñar a pé, amodo e sen présas para apreciar a gran diversidade e beleza que nos ofrece A Mariña Lucense. Só é necesario activar os nosos sentidos para escoitar, ver, tocar e descubrir as paisaxes inesquecibles e os pequenos tesouros da natureza e do patrimonio que atesoura A Mariña.

O sendeirismo ofrécenos unha oportunidade para coñecer A Mariña, a pé ou en bicicleta, a través de rutas adaptadas ás necesidades e posibilidades de cada persoa e que ademais axudan a mellorar a nosa saúde e calidade de vida grazas a esta pracenteira actividade física.

Máis de 20 rutas de sendeirismo ofrécenos A Mariña ao longo do seu territorio, rutas que discorren polos diferentes ambientes que configuran a nosa paisaxe: bosques, estuarios, montañas, vales, ríos, praias... Tamén nos achegan a diversas mostras do patrimonio arqueolóxico, etnográfico e cultural da nosa comarca e que se foi configurando grazas aos habitantes da Mariña ao longo de miles de anos.

A proposta de rutas é variada en canto á súa distancia e dificultade, o que permite adaptarse ás diferentes necesidades de cada un: hai rutas para sendeiristas expertos e para os principiantes, rutas para facer sendeirismo familiar e accesible, rutas para facer en bicicleta...

Elixa unha ruta, descárguese o track ao seu teléfono móbil e... a camiñar!

Para tomar nota...durante as fins de semana do outono organízase Plans con Corazón, unha oportunidade de coñecer o territorio a través dun programa de rutas guiadas a pé no que o entorno natural, a historia, a etnografía e a arqueoloxía dos diferentes concellos da Mariña Lucense son os protagonistas.

Recomendacións para facer as rutas de sendeirismo

Para axudar a protexerche durante as rutas ten en conta os seguintes consellos:

  • Prepara e planifica o teu itinerario con anticipación, levando un mapa ou publicación da zona, calzado adecuado, auga para o camiño e comida, chuvasqueiro, teléfonos de emerxencia...
  • No verán, evita camiñar con altas temperaturas. Mellor polas mañás ou a últimas horas da tarde.
  • Nas zonas altas, se cae a néboa pode provocar que che desorientes. Mantén a calma e no caso de que nos saibas por onde avanzar é mellor que volvas sobre os teus pasos.
  • É importante, especialmente se vas só, que informes a alguén da zona na que vas facer sendeirismo.
  • Axúdanos a preservar todo este patrimonio que é teu e de todos.

Grazas e a gozar da camiñada.

Ver lista

Atrévete a descubir e explorar A Mariña Lucense a pé ou en bici