Ruta dos Artesáns de Mondoñedo
Este percorrido parte do mindoniense Barrio de Os Muiños que xa historicamente albergaba numerosos talleres de oficios artesáns. Paralelamente á visita deste emblemático espazo e os seus artesáns, propoñémosche varias recursos de interese turístico imprescindibles tanto no municipio de Mondoñedo como no veciño de Lourenzá, algúns deles recoñecidos mesmo a nivel internacional.
O mindoniense Barrio dos Muíños é artesán por tradición. Nas olarías Esquina Atlántica e Os Artesáns do Pasatempo, con Marcelo e Maica, e o Alfar de Mondoñedo As Formas da Terra, con Sandra e Nuria á fronte, moldean o barro para obter obxectos tanto modernos como tradicionais que logo decoran a man. Na visita a estes talleres coñecerás a importancia da olaría en Mondoñedo e verás as técnicas necesarias para traballar o barro.
Fernando Vilariño é un canteiro que esculpe de maneira tradicional granito, mármore e lousa para lograr pezas únicas. No seu taller poderás ver creacións puramente decorativas, outras útiles no día a día e as que combinan deseño e funcionalidade, unha das súas principais premisas. A visita, ademais de didáctica, é interactiva, con demostración e práctica de cada visitante. Na praza do concello, Ton Arenas, escenógrafo e titiritero, tamén elabora e manexa monicreques e os seus escenarios. Produce espectáculos e obxectos artísticos. Unha moi grata sorpresa para todos os públicos en Mondoñedo.
Verónica Page traballa a la de ovella e de alpaca en Miratú artesanía. Trátase dun local onde promoven o coñecemento e recuperación de técnicas manuais de fiado e tecido; un comercio xusto colaborativo con respecto pola natureza, roupa bio e nutrición a partir de herbas aromáticas e especias.
No mesmo Barrio dos Muiños, no antigo matadoiro que logo pasou a ser escola de música e hoxe en día é taller de artesanía, Estudo Estampa confecciona orixinais artigos aplicándolles serigrafía. A escasos metros deste barrio está o centro histórico de Mondoñedo, Conxunto Histórico- Artístico. No seu epicentro álzase a Catedral Basílica da Asunción, do século XIII, declarada Monumento Nacional en 1902 e Patrimonio Mundial pola UNESCO en 2015. É o edificio máis antigo e importante da cidade. Poderás percorrer as rúas da cidade coa audioguía ficcionada Mondoñedo e familia, un paseo baseado na figura do universal escritor Álvaro Cunqueiro.
A 7 quilómetros do centro de Mondoñedo atópase a Cova do Rei Cintolo, a cavidade visitable máis grande de Galicia con máis de 6 quilómetros de desenvolvemento. Para contemplar as súas formacións (estalactitas, estalagmitas, columnas, coadas e mesmo un pequeno lago) é preciso reservar previamente na oficina de turismo de Mondoñedo (teléfono: 982 507 177).
Tamén recomendámosche: visitar Lourenzá, a 9 quilómetros de Mondoñedo, a través da audioguía ficcionada "Vilanova de Lourenzá Paisaxes da memoria", na que Fernández del Riego nos descobre os recunchos dunha infancia feliz. Non debes esquecer visitar o Mosteiro de San Salvador, un referente do barroco galego. No seu interior destacan un impresionante relicario barroco do século XVII, o Museo de Arte Sacra e o Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá. A poucos quilómetros atópase a Fortaleza de Tovar, unha espectacular edificación medieval construída no século XVI sobre unha antiga torre de defensa.