A Mariña Oriental
A Mariña Oriental está formada polos municipios de Ribadeo, Barreiros, Trabada e A Pontenova, é a zona do norte de Lugo que une Galicia con Asturias por medio da ría de Ribadeo. Bañada polo mar Cantábrico e atravesada polo río Eo, esta parte da Mariña é famosa por areais como o de As Catedrais pero tamén esconde secretos que che convidamos a descubrir.
RIBADEO
En Ribadeo sitúase a praia de Augas Santas, coñecida popularmente como As Catedrais, cos seus arcos e covas esculpidos nas rochas e declarada Monumento Natural. A praia de As Catedrais hai que recorrela con tranquilidade e con marea baixa, acordándonos tamén de que en época de maior afluencia -Semana Santa, xullo e agosto- deberemos solicitar un permiso para controlar o fluxo de visitantes.
Se falamos de gastronomía, temos que nomear a Rinlo, onde a tentación se presenta en forma de peixes e mariscos, co arroz con bogavante e os percebes como productos estrela.
O faro de Illa Pancha convertiuse no ano 2017 no primeiro faro de España en ser habilitado como aloxamento turístico. Tamén hai que visitar o parque etnográfico de O Cargadoiro, unha paisaxe singular na costa que alberga os restos dun antigo cargadoiro de mineral de ferro procedente dos fornos de A Pontenova. O Mirador da Atalaia o de Santa Cruz, acolle unha área recreativa que ofrece unha das mellores vistas da ría.
O núcleo urbano de Ribadeo, Ben de Interese Cultural, remóntanos ó seu pasado indiano e as elegantes casonas construidas polos emigrantes que fixeron fortuna en América. Recórreo coa audioguía ficcionada Ribadeo alén do tempo.
Oficina de turismo: permanente. R/ Dionisio Gamallo Fierros, 7. 27700. Ribadeo
982 128 689 - turismo@ribadeo.org
BARREIROS
Barreiros ofréce oito quilómetros de costa, con grandes praias, ideais tanto para relaxarse ou practicar todo tipo de deportes náuticos.
O tesouro de Barreiros escóndese en Santo Estevo do Ermo. Aquí áchase a capela de Santo Estevo ou Augas Santas, dende a que parte unha pequena ruta que te levará aos pés dunha preciosa fervenza e ata unha fonte rodeada de lendas e famosa polas propiedades curativas da auga.
Oficina de turismo: temporal. Atención actual en Rúa Veiga. s/n. 27790. San Cosme.
982 124 002 - turismo@concellodebarreiros.gal
TRABADA
Trabada está salpicada de fragas como as de Belosiña, Becerreira, Vilapena ou Cabanela, que atravesan numerosos roteiros de sendeirismo.
A ruta das rutas é a Vía Verde do Eo, que marca a fronteira entre Asturias e Galicia, percorrendo Trabada, A Pontenova e Ribadeo. Co río Eo como eixo central, mantén un gran valor natural e paisaxístico, ademais do antropolóxico e etnográfico, formando parte da Reserva da Biosfera.
Para os interesados no turismo ornitolóxico, recomendamos o Observatorio da Choza, no que se atopa ademais unha área recreativa e un embarcadoiro.
Teléfono de información: 982 135 011 (Concello de Trabada)
A PONTENOVA
Turismo industrial, sendeirismo, pesca e gastronomía danse a man en A Pontenova, que ten no seu pasado mineiro e a súa riqueza natural aos seus grandes baluartes. Do primeiro son testemuño os cinco fornos que dominan o centro urbano pero tamén a única vía verde de Galicia, que transcorre entre A Pontenova e San Tirso de Abres (Asturias) sobre os raís polos que se desprazaba ata os anos sesenta do pasado século A Chocolateira, a locomotora que transportaba o mineral de ferro dende A Pontenova ata Ribadeo.
Estamos a referirnos á Vía Verde do Eo, o río que se erixe por dereito propio como a segunda xoia de A Pontenova e que pasa por ser o leito salmoneiro por excelencia de Galicia. Ademais de fogar das troitas que contan desde fai máis de medio século coa súa propia festa gastronómica, de interese turístico. Recomendamos visitar a Aula de Interpretación da Pesca para comprender a súa gran relevancia económica e social.
Oficina de turismo: permanente. Ctra. a Taramundi, 2. 27720 A Pontenova
982 342 101 - turismo@concellodapontenova.org
RIOTORTO
Tanto a Pontenova como Riotorto son bece de ferreiros e o seu traballo artesanal pódese admirar in situ grazas ás Rutas de Artesanía e á existencia de numerosos obradoiros. A Ruta do Ferro, entre o centro de Riotorto e a área recreativa de Ferreiravella, achegarache a esta tradición tan arraigada como un gran museo etnográfico ao aire libre no que poderás descubrir ferrerías que aínda están en pé, ademais de antigos mazos e moas (rodas de moer para afiar as ferramentas).
Teléfono de información: 982 346 222 (Concello de Riotorto)