Rutas xeolóxicas de Ribadeo

 
Xeoloxía

A descuberta dunha extraordinaria paisaxe xeolóxica,   camiñando e abraiándonos co modelado das rochas, con formas e estruturas case artísticas como arcos, ollos, pregamentos, furnas, bufadoiros, illotes... con distintas variedades de rochas, granito, cuarcitas, lousas, conglomerados que nos amosan a orixe e formación desta costa con millóns de anos de vida.

Xeoruta dos arcos

Descubriremos, paso a paso, o proceso que deu lugar aos arcos rochosos da praia das Catedrais, o maior conxunto de arcos rochosos da península Ibérica e a explicación de por que se concentra un número tan importante nesta praia. Estamos ante un incríbel Monumento Natural que representa unha das marabillas xeolóxicas máis salientábeis que temos en Galiza. Do mesmo xeito, este treito costeiro mostra moitos elementos xeomorfolóxicos (furnas, ollos, illotes, etc.) presentes na evolución destes cantís da Mariña. A dificultade da ruta é baixa, cunha distancia de 3,8 Km, partindo da Praia das Catedrais.

Xeoruta dos ollos

Esta zona da costa de Ribadeo é moi peculiar, forma parte do que se coñece como “rasa cantábrica”, que non é outra cousa que unha superficie achairada a medio camiño entre os cantís e as montañas, duns 3 quilómetros terra a dentro. As rochas que atopamos nestes cantís son lousas e cuarcitas, que forman capas ben visibles e que se erosionan doadamente co embate do mar. Esta erosión é moi intensa, o cal favorece a formación de furnas (covas mariñas), ollos (bufadoiros), arcos e illotes. Todas estas peculiaridades fan que esta zona teña o recoñecemento de lugar de interese xeolóxico. A xeoruta dos ollos toma este nome da concentración, nesta parte da costa, dunhas formacións xeomorfolóxicas denominadas “Ollos”. Este é o nome que lle deron os pescadores locais ás estruturas circulares que aparecen nas zonas litorais, e que permite a entrada de luz nas furnas, así, dende o mar parecen ollos de luz nas escuras paredes do cantil. A dificultade da ruta é baixa, cunha distancia de 3,5 Km, partindo do Foxo Redondo ou Ollo de Rinlo

Xeoruta dos pregamentos

Poderemos contemplar unha das maiores estruturas xeolóxicas da Mariña lucense, estamos a falar dun gran pregamento que se estende dende a Ría de Foz ata a Ría de Ribadeo. Nesta zona camiñaremos pola súa charnela, zona de máxima curvatura, caso das enseadas da Vella e do Loureiro. Este pregamento xerouse durante o Paleozoico Superior, debido a colisión de dous supercontinentes hai máis de 350 millóns de anos. Como complemento da visita, destacaremos a presenza de bos exemplos de erosión diferencial, e materiais que falan de que o nivel do mar non sempre foi o mesmo. A dificultade da ruta é baixa, cunha distancia de 2,2 Km, partindo da Desembocadura do Rego Moreira no mar (Parroquia de Piñeira).

Próximas rutas: verán 2021

Durante os meses de xullo, agosto e setembro Turismo de Ribadeo organiza xeorutas coas que facer un viaxe de 500 millóns de anos polo Monumento Natural da Praia das Catedrais e Rinlo, entre outras.

Facendo clic no seguinte enlace podes consultar a oferta de xeorutas dispoñible. Non o perdas!