Ruta pola paisaxe cultural de Portocelo, Xove

Sábado 27 de novembro, 10:00h
 

A xornada do sábado 27 de novembro da Mariña en Ruta levou aos participantes a coñecer a paisaxe cultural de San Tirso de Portocelo, en Xove.

Este roteiro que comezou na praia de Portocelo, e coa primeira parada no núcleo de Vilachá, deixou momentos para gozar da impresionante paisaxe marítima de O Coido ou a paisaxe granítica de Monte Castelo. Tamén de Punta Roncadoira, os miradoiros e a área arqueolóxica de San Tirso de Portocelo, coas ruinas da antiga igrexa parroquial e o magnífico castro de Punta Mexiluide, intervido arqueolóxicamente no ano 2020.

Foi unha andaina acompañada polo vento do Norte na que se puido vivir a ferocidade do mar batendo con forza contra a costa de Xove, un espectáculo natural que poñía banda sonora á interpretación das belas paisaxes nun itinerario histórico dende a prehistoria ata os nosos días.