A vida aos pes da ría de Foz-Masma

Sábado 26 de noviembre a las 10:30h
 

Desprazámonos a Barreiros para gozar da última visita guiada dentro do programa A Mariña en Ruta deste 2022 e que levou por nome "A vida aos pés da ría de Foz-Masma".

Así, gozamos dunha soleada xornada que  permitiu aos/ás asistentes apreciar en todo o seu explendor as magníficas paisaxes da contorna da ría.

Nesta ruta a guia Sofía López tratou de poñer en valor este espazo tanto desde o punto de vista ambiental como cultural.

Coñecimos a praia de Altar e o seu sistema dunar. Aprendimos como se formou e sobre a súa vexetación en función das distintas partes do mesmo. Tamén descubrimos que se trata dun hábitat propicio para a píllara das dunas, unha ave amezada, sensibilizando sobre que podemos facer os humanos para axudar á recuperación da especie.

A continuación, comentamos a ría e o río Masma como espazos naturais protexidos e tivemos a ocasión de coñecer moitas das aves que recalan nela para pasar o inverno.

Continuamos percorrendo unha parte da beira da ría na que Sofía nos ensinou os restos do Barco Vello así como o fermoso arco rochoso de Pena Furada. Tamén aprendimos sobre a actividade marisqueira na ría e mesmo sobre a rica microtoponimia desta contorna e de Galicia.

Antes de enlazar co Camiño Natural do Cantábrico coñecimos Os Pasos de Moscoso, un antigo embarcadoiro. Logo achegámonos a Viladaíde para falar dos seus coñecidos cabozos (hórreos) e aprendimos as diferenzas entre as tipoloxías que atopamos nesta zona da Mariña.

Finalmente, rematamos a xornada cunha panorámica dos montes que rodean Barreiros, algúns tan emblemáticos como o Pico da Frouxeira, Cornería, Penabor, Comado e Penalonga. Uns con lendas e relevantes feitos históricos asociados. Outros, importantes miradoiros sobre o litoral de Barreiros e A Mariña Lucense.